empregaNAV

O naval constitúe un sector estratéxico en Galicia, tanto polos postos de traballo, directos e indirectos, que xera, como pola súa capacidade  tractora con gran repercusión no contorno socioeconómico. Esta actividade ponderada representaba, no primeiro trimestre do 2019, o 40 % da actividade española. Durante o pasado ano, o sector perdeu un 20,84 % do emprego e a súa facturación tamén sufriu un descenso do 11 %. O naval galego experimentou unha evolución caracterizada pola progresiva mellora e a innovación dos procesos produtivos e pola perda de empregos e de peso económico e, ao mesmo tempo, comprobou como os seus prezos e as súas marxe se degradaban.

Co proceso de  pre-concurso  de acredores do maior estaleiro da ría de Vigo, Hijos de J. Barreras,  e a liquidación doutro de gran relevancia para Galicia, Vulcano, e coas empresas auxiliares asfixiadas pola falta de pagamentos dos grandes estaleiros, o naval galego está en plena emerxencia industrial, o que disparou a alarma de crise deste sector tan importante para Galicia.

Conscientes desta problemática e de que os mecanismos habituais do mercado laboral non son suficientes para afrontar o impacto que tales acontecementos están a xerar tanto en Galicia como no sector naval, a Xunta de Galicia decide poñer en marcha medidas que dean resposta urxente e mitiguen,  dun xeito rápido e efectivo, o importante impacto sociolaboral ocasionado no sector e que faciliten unha reinserción efectiva das persoas despedidas no menor espazo de tempo posible.

En concreto, co obxectivo de promover a competitividade e o crecemento do negocio da industria naval galega en virtude dun mercado globalizado con grande intensidade e de fomentar a especialización competitiva das actividades e a xeración de produtos de maior valor engadido e, por tanto, repercutir na creación de postos de trabalo máis cualificados, deseñouse e impulsouse un novo proxecto  FEAG denominado   Empreganav.

Deseñouse un plan integrado de medidas feito á medida das persoas traballadoras afectadas do sector, para podelas acompañar individualizadamente no proceso que comprende desde o despedimento ata a súa reinserción no mercado laboral.

Estratexia

PERSONALIZACIÓN

NOVAS TECNOLOXÍAS

Itinerario feito á medida  das persoas  traballadoras afectadas

Acompañamento  persoal no proceso que  comprende desde o despedimento ata a súa reinserción no mercado laboral

Fomento das  competencias 4.0

No marco do proxecto empregaNAV, cuxa execución abarca desde o 13 de agosto de 2020 ata o 13 de agosto de 2022, prevense os seguintes resultados:

  • 500 persoas beneficiarias do proxecto mellorarán a súa empregabilidade (100 % das que se prevé que participen no proxecto).
  • Aproximadamente 2,6 millóns de euros investiranse na mellora profesional e na reinserción de persoas en situación de desemprego no sector.
  • Reinserción laboral das persoas que se impliquen nos itinerarios completos.
  • Aproximadamente 600 000,00 € estarán destinados a axudas directas a persoas desempregadas, participantes no proxecto (17 % do investimento total).