Bruxelas propón 2 millóns de euros en axudas para recolocar 500 despedidos do sector naval en Galicia

A Comisión Europea propuxo destinar 2 millóns de euros a axudar a recolocar un total de 500 persoas que perderon o seu emprego na industria da construción naval e sectores auxiliares en Galicia.

“A globalización e a perda de cota no mercado mundial afectaron gravemente ao sector europeo da construción naval, que se encontra exposto a unha maior competencia de fóra da Unión Europea”, indicou o comisario de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit.

En concreto, o apoio aos parados dos estaleiros en Galicia estará destinado a sufragar medidas de reciclaxe profesional e mellora das capacidades co obxectivo de que poidan encontrar emprego noutros sectores.

Segundo explicou Bruxelas nun comunicado, a diminución da cota de mercado da UE na produción mundial de buques e o aumento da competencia mundial tiveron “consecuencias nefastas” para a industria auxiliar galega de construción naval.

O Goberno de España solicitou axuda do FEAG tras o despedimento de 960 traballadores en empresas auxiliares dos estaleiros de Galicia entre maio de 2019 e febreiro de 2020. Está previsto que as acudas europeas cubran as medidas de apoio a 500 traballadores.

En concreto, trátase de proporcionarlles orientación profesional, apoio na procura de emprego, posibilidades de adquirir novas capacidades a través da formación profesional, e seguimento e asesoramento despois de encontrar outro traballo.

Ademais, os traballadores terá acceso a outros incentivos, como unha contribución aos gastos dos coidadores no ámbito familiar e apoio financeiro para fomentar unha reinserción laboral rápida.

O custo total estimado do conxunto da axuda é de 3,4 millóns de euros, dos cales 2 millóns serán aboados polo FEAG. A Administración autonómica, a Xunta de Galicia, achegará o importe restante.

As axudas, que proceden do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG), aínda teñen que ser aprobadas polos Vinte e sete e polo Parlamento Europeo para que sexan transferidas desde as arcas comunitarias.

Máis información