Bruxelas propón 2 millóns de euros en axudas para 500 traballadores do naval galego

A Comisión Europea propuxo destinar 2 millóns de euros a axudar a recolocar un total de 500 persoas que perderon o seu emprego na industria da construción e a reparación naval e sectores auxiliares en Galicia. Os apoios estarán destinados a sufragar medidas de reciclaxe profesional e mellora das capacidades coa finalidade de que poidan encontrar emprego noutros sectores.

O Goberno de España solicitou axuda do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) tras o despedimento de 960 traballadores en empresas auxiliares dos estaleiros de Galicia entre maio de 2019 e febreiro de 2020.

As axudas servirán para proporcionarlle orientación profesional, apoio na procura de emprego, posibilidades de adquirir novas capacidades a través da formación profesional e seguimento e asesoramento despois de encontrar outro traballo.

Ademais, os traballadores terán acceso a outros incentivos, como unha contribución aos gastos dos coidadores no ámbito familiar e apoio financeiro para fomentar unha reinserción laboral rápida.

“A globalización e a perda de cota no mercado mundial afectaron gravemente ao sector europeo da construción naval, que se encontra exposto a unha maior competencia de fóra da Unión Europea”, explicou o comisario de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit.

O custo total estimado do conxunto da axuda é de 3,4 millóns de euros, dos cales 2 millóns serán aboados polo FEAG. A Administración autonómica, a Xunta de Galicia, achegará o importe restante. Agora deben ser aprobadas polo Consello e o Parlamento europeos.

Máis información