A Comisión propón asignar 2 millóns de euros para axudar a 500 traballadores despedidos da construción naval e sectores auxiliares en Galicia (España)

A Comisión Europea propuxo concederlle a España 2 millóns de euros do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) para axudar a 500 traballadores despedidos da construción naval e sectores auxiliares, en Galicia, a encontrar un novo posto de traballo.

En palabras de Nicolas Schmit, comisario de Emprego e Dereitos Sociais, «o Fondo Europeo de Adaptación á Globalización é un claro exemplo da solidariedade da UE, xa que financia a orientación e a reciclaxe profesionais para os traballadores que perderon o seu emprego debido á globalización ou á crise económica. A globalización e a perda de cota no mercado mundial afectaron gravemente ao sector europeo da construción naval, que se encontra exposto a unha maior competencia de fóra da Unión Europea. Queremos axudar aos traballadores que foron despedidos en Galicia proporcionando 2 millóns de euros para financiar medidas de reciclaxe profesional e mellora das capacidades a fin de que poidan encontrar emprego noutros sectores».

A diminución da cota de mercado da Unión na produción mundial de buques e o aumento da competencia mundial tiveron consecuencias nefastas para a industria auxiliar galega de construción naval. España solicitou axuda do FEAG tras o despedimento de 960 traballadores en empresas auxiliares dos estaleiros de Galicia entre maio de 2019 e febreiro de 2020.

Prevese a participación duns 500 traballadores despedidos nas medidas de apoio cofinanciadas polo FEAG. Trátase dun conxunto de medidas que pretenden proporcionarlles orientación profesional, apoio na procura de emprego, posibilidades de adquirir novas capacidades a través da formación profesional, e seguimento e asesoramento despois de encontrar outro traballo. Ademais, os traballadores terán acceso a outros incentivos, como unha contribución aos gastos dos coidadores no ámbito familiar e apoio financeiro para fomentar unha reinserción laboral rápida. O custo total estimado do conxunto da axuda é de 3,4 millóns de euros, dos cales 2 millóns serán aboados polo FEAG. A Administración autonómica, a Xunta de Galicia, achegará o importe restante.

Agora a proposta da Comisión vai transmitirse ao Parlamento Europeo e ao Consello para a súa adopción.

Máis información